Monday 13 de May de 2024

O comité de empresa de Meirama demanda de Gas Natural Fenosa un compromiso para continuar coa actividade da planta de cara a 2020


Ofreceron unha rolda de prensa en Ordes na que manifestaron a súa incerteza ante a decisión da empresa de acometer as obras imprescindibles que permitirán axustarse á normativa esixida

O comité de empresa de Meirama escolleu Ordes para ofrecer unha rolda de prensa na que demandaron a Gas Natural Fenosa os investimentos necesarios para a continuidade da planta máis aló de 2020. En palabras de Bautista Vega, presidente do dito comité, “confíase en que a partir de mañá, data na que está prevista a seguinte xunta de accionistas, se discirna a postura da empresa ante esta situación e se se levarán a cabo as obras necesarias para cumprir coa normativa vixente”.

O proxecto a executar supón a construción de dúas novas plantas. A desulfuradora captaría máis do 96% do dióxido de xofre e máis do 80% de partículas, mentres que a desnitrificadora convertería o óxido de nitróxeno en auga. Con todo isto as emisións contaminantes á atmosfera quedarían reducidas en case un 100%.

De non solucionarse a situación ademais dos postos de traballo que se eliminarían, “100 directos, 100 auxiliares e miles nos arredores” segundo estimacións de Bautista Vega “Galicia correría o perigo de converterse en rexión excedente a deficitaria de enerxía”.

Encontro
Na intervención de hoxe instouse á Xunta de Galicia, e máis concretamente á Consellería de Economía, Emprego e Industria, “a súa colaboración de cara a unha solución satisfactoria. Baixo esta premisa solicitan un encontro co conselleiro Francisco Conde López, co fin de poder expoñerlle persoalmente as súas demandas.”

“Non se trata só de cuestións relacionadas cos traballadores e co eido laboral, senón que é o momento de que Gas Natural Fenosa Fenosa demostre o seu compromiso con Galicia. Sempre estivemos aquí demostrando que somos unha planta competitiva que en momentos complicados sacamos a produción para adiante abastecendo ao resto do país. Se nos quixeron cando traballabamos co carbón altamente contaminante que viña da mina do propio lugar con máis motivo nos teñen que ter en conta agora que non habería contaminación”, reivindicou hoxe Lisardo Veiras, membro do comité de Meirama.

Fonte de riqueza
Todos os integrantes do comité presentes esta mañá agradeceron ao alcalde de Ordes a súa presenza e a cesión do local onde tivo lugar a rolda de prensa, tras solicitarllo previamente a semana pasada. Na súa intervención o rexedor José Luis Martínez Sanjurjo insuflou folgos e ánimos entre todos os presentes e lembrou “a importancia de Meirama como fonte de riqueza para a comarca e especialmente para a parroquia do Mesón do Vento”. Tamén amosou a súa preferencia porque se manteña a actividade dentro do marco normativo esixido, poñendo como exemplo desta postura “o acordo asinado case por unanimidade pola corporación municipal en sesión plenaria”, insistindo na urxencia que supón a adopción dunha postura para poder acometer o obxectivo antes de 2020.